|
A parroquia de Santiago, encravada no contorno do actual cemiterio das Caldas, afonda as súas raíces na historia como pertencente ó Couto de Canedo. Aquí non pretendemos facer unha historia exhaustiva senón resaltar algúns dos datos máis recentes que marcan a súa actual idiosincrasia e explican, ata certo punto, a súa situación actual.
No ano 1860 constrúese a estrada Vigo-Villacastín
que cruza o territorio da Parroquia de Santiago das Caldas e no ano 1881 chega o ferrocarril. Estas vías de comunicación
serán un factor de progreso, apertura e causa dun progresivo
aumento poblacional nesta ribeira do Miño que incidirá
fortemente na personalidade das súas xentes e na vida parroquial.
A elo hai que unir a Ponte Romana
construída cara o ano 100 d.C. e que caeu en 1432,
sendo levantada e sufrindo progresivas reformas ata o século XVIII
e que é o vieiro de unión coa cidade. Ponte que en Agosto
de 1998 é pechada ó tráfico por obras e convértese en peonil, e á que xa se sumaran progresivamente a Ponte de Ferro en
1918, o Viaduto en 1948 e a Ponte do Ribeiriño na década
dos 60 (1960) pasando pola zona onde se atopaba a primitiva
parroquia e casa reitoral. En 2001 se inaugura a Ponte do Milenio, e en 2003 unha pasarela peonil completa as comunicacións coa outra beira do Miño.
As rúas do noso barrio sufriron varios cambios na súa denominación. O primeiro durante os anos da segunda república, un segundo tras a guerra civil e o último nos nosos días pola posta en marcha da lei de Memoria histórica (2008), pola cal Xeneral Aranda para a denominarse Ribeira de Canedo.
AS NOSAS ORIXES
O barrio da Ponte xurdiu vinculado ó camiño que cruza o río cara o interior de Galicia mediante a ponte levantada no século II despois de Xesuscristo.
As Caldas era un dos asentamentos romanos xurdidos na nosa cidade e no seu contorno, xunto cos de Reza Vella, Oira e as Burgas. Aquí xorde unha Parroquia nos primeiros séculos da Idade media, da cal temos datos ata o ano 1639, aínda que moito antes, na alta idade media, consta documentalmente unha capela mozárabe en Reza Vella.
No século XVI, a Parroquia das Caldas tiña un templo románico que foi quedando pequeno para atender as necesidades espirituais dun núcleo de poboación en aumento progresivo. No século XVII formaba parte do Couto de Canedo e tiña 30 habitantes, que en 1867 ascendían xa a 393. No século XVIII a parroquia pertencía ó Arcedianato de Bubal e a fins de dito século as súas terras caían baixo as xurisdicións de Canedo, Santa Comba de Naves, Bobadela e Couto Redondo.
Ata 1956 a Parroquia pertence ó Arciprestado de Amoeiro, para despois pasar ó de Ourense.
A PARROQUIA DE SANTIAGO DAS CALDAS:
UN TEMPLO REGALO DUN BISPO
As suás
orixes pérdense na historia pertencendo
ó xa nomeado Couto de San Miguel de Canedo e achábase situada
nas ribeiras do Miño, preto da burga xunto
ó actual cemiterio.
Na primeira decena de Maio de 1905, D.
Eustaquio Illundain e Esteban (ver retrato á dereita) chamou a D. Xosé María
Basterra, arquitecto oriundo de Bilbao, para reformar
o entón seminario diocesano de San Fernando. Posteriormente,
tras unha visita pastoral na que comprobou o
mal estado do antigo templo parroquial, encomendou
ó citado arquitecto o proxecto do novo templo
parroquial. O 30 de Xullo de 1910 colócase
a primeira pedra do mesmo, situado en Avda. das
Caldas, 16. As súas dimensións son:
- Nave central: Alto 16,50m, ancho 9m e longo 36m.
- Naves laterais: Ancho 5,20m, longo 24m e alto
8,50m.
Os contratistas foron D. Manuel García e máis tarde D. Xosé Pintos. A acta definitiva de construción asinouse en Ourense o 2 de Xaneiro de 1915. O templo inaugurouse o 28 de Novembro de 1920, agás
a torre de 50m, aínda sen construír, e sufriu diversas reparacións e modificacións
ó longo da súa historia:
- En 1933 a familia de Xosefa Sobrino dona o retablo da Milagrosa e o Santo Cristo, obra dos irmáns Núñez.
- Nese mesmo ano, o Párroco D. Germán Fernández fai doazón do púlpito, que en 1943 arranxan os irmáns Núñez. Coa reforma litúrxica do Vaticano II e a chegada da megafonía desaparecerá, e os bustos dos catro evanxelistas que o adornaban pasan a formar parte das imaxes da porta de acceso á actual sancristía, no mesmo lugar onde estaba o altar da Milagrosa que desaparece ó igual que o púlpito.
- 1946 repáranse as vidreiras,
sendo Párroco D. Xesús Pousa.
- 1947 repárase o tellado sendo
Párroco D. Xesús Pousa.
- 1950 colócanse as lámpadas
e apliques sendo Párroco D. Xesús Pousa.
- 1958 dóurase e modifícase o retablo
e colócase o sagrario actual (3/1/1958)
obra do catalán Sarrahima a quen se encargou en
1954 e que custou 60.000 pts xunto cos 6 candelabros a xogo.
É de mármore verde coa imaxe do Bo Pastor na
porta en esmalte e un mecanismo expositor que se eleva, pero
que hai moitísimos anos que non funciona. Sendo
Párroco D. Xesús Pousa.
- 1987 colócase o ambón de pedra.
- Ó final da década dos 1980 un fregués
comunica ó Párroco D. Xesús o desexo de rematar
o Templo construíndo a torre. Aspiración esta que
cheoa de ilusión a moitos pontinos. Encoméndase ó Arquitecto
Conde a elaboración do proxecto, pero ó final non é
viable polo excesivo custo. O proxecto figura no arquivo
Parroquial.
- 1992, con parte dos fondos que se doaran para
a súa terminación, empréndese a limpeza
de paredes, renovación do son,
electricidade nova e escalinata
de acceso ó mesmo en pedra, así como a balaustrada
do Adro substituíndo por pedra a vella de cemento. Obras que
ascenden a uns 40.000.000 pts. Obras realizadas sendo responsable
do equipo de Párrocos D. Francisco Enríquez, e membros
do mesmo D. Xosé Xullo Rodríguez, D. Camilo Salgado
e D. Francisco Pernas. Realiza as obras Jorreto S.A., sendo
asesor técnico D. Carlos Jorreto Veiga.
- 1998 renovación do piso
con madeira de elondo e rectificación do Presbiterio
acurtando as escaleiras que antes chegaban ós laterais. Obras
financiadas pola Delegación de Cultura e a Excma. Deputación
provincial. Neste momento estaban ó fronte desta comunidade
D. Francisco Pernas e D. Luis Pérez.
- Ese mesmo ano 1998 Nuñez elabora a sé en consonancia co retablo e o marco do Presbiterio, así como o atril. O conxunto custou 350.000 pts. costeadas con fondos da Parroquia.
- No ano 1999 elabórase o proxecto de realización
da rampla de acceso ó templo para minusválidos e o
axardinamento do adro en orde a realizalo durante o ano
2000 e inauguralo nas festas de Santiago. Obra que ascende
a 20 millóns de Pts.
- 2000 realízase a urbanización
do adro e a construción da rampla
de acceso para minusválidos. Proxectos do Arquitecto D. Jorge Aragán Fiteira e do aparellador D. Carlos Jorreto
Vexa. Obra realizada pola empresa Extraco e financiada pola
Deputación ata 20.000.000 de Pts.
- En novembro do ano 2000 restáurase a Custodia
parroquial por un valor de 95.000 Pts, pagadas por un fregués,
contribucións do equipo de liturxia e de fondos parroquiais.
- A finais do ano 2000 as inclemencias do tempo,
froito dun forte temporal, provocan humidades no teito
e con data 27 de Decembro o responsable do equipo de Párrocos
D. Francisco Pernas acompañado de D. Eladio Diz Ojea visita
ó presidente da Deputación D. Xosé Luis Baltar expoñendo o problema e solicitando
apoio económico. Nos días sucesivos técnicos
de Extraco S.A. visitan en Templo e elaboran un orzamento valorando
en 10 millóns de Pts. O dous de Xaneiro de 2001 as persoas citadas
anteriormente visitan a D. Xosé Luis Baltar e obteñen o
financiamento do proxecto.
- En 2005 colócanse os xugos das campás que estaban en mal estado, obra
realizada pola empresa ELEMAR-NOR S.L. Comunicacións, por importe de 3.000 €.
- En decembro de 2008 sustitúese o sistema de son do templo, en estado deficiente dende unha treboada no ano 2006, por un equipo dixital formado por unha única columna de son, tres micrófonos máis dous inalámbricos, con preamplificador, e un reprodutor de CDs, todo elo instalado pola empresa ELEMAR-NOR S.L. Comunicacións por importe de 12.032€.
- En outubro de 2010 renóvanse as portas de entrada ó templo polo estrago das anteriores e realízanse obras de saneamento do templo cunha drenaxe a parte posterior, seguido da renovación da madeira do chan do presbiterio estragada polas humidades. O importe das obras supera os 11.000€, que se sufragan cos fondos parroquiais.
Imaxinería:
- O 24 Xaneiro de 1919 encárgase a construción do retablo
ó artista compostelán Máximo Magariños. Nel cabe
destacar:
- Elaborado en madeira de castiñeiro
de 12,50 m. de alto e 6 m de ancho.
- Apóstolo Santiago
de 1,70 m de alto.
- 32 cabezas de anxos
que desapareceron na reforma dos anos 60.
- Símbolos dos catro evanxelistas
e cabezas (os símbolos desapareceron e as cabezas
adornan a porta actual de acceso á Sancristía),
xunto coas de San Pedro e San Paulo.
- 7 anxos alados
coroando as rúas de 73 cm. cada unha.
- Escudo do Papa Benedicto
XV e de Mons. Ilundain.
- Escenas da vida de Santiago
en relevo: Transfiguración, oración no horto, decapitación
de Santiago e Santiago matamoros.
Santo Cristo, obra dos irmáns
Nuñez no ano 1933.
- Inmaculada, talla do século XIX de autor descoñecido, estilo academicismo, neoclásico pleno, proveniente posiblemente da antiga capela emprazada xunto ó cemiterio das Caldas. É unha talla en madeira policromada e estofada a pincel, con 109cm de alto x 43 cm ancho x 28cm de fondo. Foi restaurada en novembro de 2008 polo Centro Técnico San Martín da Diocese de Ourense, por un importe de 1.545€.
- San
Xosé elaborado en madeira por Magariños.
- Santiago peregrino barroco,
policromado por Nuñez. Restaurado polo Centro Técnico San Martín no ano 2010 co gallo do ano Santo compostelán.
- Santiago matamouros (en 1994
deixóuselle á Comisión de festas e apareceu
cun brazo rachado). O Centro Técnico San Martín restaurouno no ano 2009.
Entre outras obras de valor cabe considerar:
- Terno de tisú de ouro adquirido
por D. Xesús Pousa en 1954 polo importe de 75.000 pts.
- Un cáliz de prata e patena
doado polo Párroco D. Germán Fdez. Román.
No ano 1998 ó ritmo das obras de reparación do
piso, unha restauradora da Parroquia, Yolanda Miguélez Souto,
levou a cabo a tarefa de saneamento
de madeiras do retablo, bancos e armarios ameazados pola couza, matando
os citados bechos. Posteriormente foi examinado por membros do Centro Técnico de restauración da Diocese comprobando o seu bo estado de conservación.
EVOLUCIÓN DA VIDA PARROQUIAL
A parroquia de Santiago sufriu unha evolución
demográfica considerable:
- 1949 contaba con 6000 habitantes
- 1990 cuns 12.000
- 1995 cuns 13.500
- 1996 coas vivendas sociais do Pino e remodelación de
zonas do barrio chega a uns 15.000
- 1997 supera os 15.000 se ben hai unha parte de poboación
flotante (estudantes que residen aquí durante o curso pero
non se consideran de aquí e unha parte de familias de procedencia
rural que as fins de semana marchan á aldea. Sábese que é unha porcentaxe
moi elevada pero non hai datos fidedignos).
Coa evolución demográfica xorden novas
parroquias no seu territorio:
- 15 Xaneiro de 1954 créase Sta. Ana do Pino
- 27 de Marzo de 1960 Sta Teresita, que empezará a funcionar
en 1969
A
parroquia estivo rexida por un Párroco, e dende
os anos 50 cun coadxutor, ata a década
dos 70 que contaba con dous coadxutores e nalgún
momento colaboraba con eles un adscrito. En 1990, tras
a xubilación de D. Xesús Pousa asume
a mesma un equipo de catro sacerdotes en equipo: D.
Francisco Enriquez, D. Xosé Xulio Rodríguez,
D. Camilo Salgado e D. Franciso Pernas, este
profesor do Instituto de formación profesional
12 de Outubro. En 1992 quedará reducido a tres,
ó marchar D. Camilo Salgado á misión diocesana
de Ecuador. En 1996, D. Francisco Pernas vai estudar
ó Instituto Superior de Pastoral (Madrid) e vén a
suplilo D. Martín Atanes, quen ó final do
ano deixa a Parroquia, sendo substituído
por D. Luis Pérez González. Serán
tres e un diácono. En Setembro de 1996 asúmena
dous copárrocos coa colaboración dun diácono: D. Francisco Pernas como responsable
do equipo e D. Luis Pérez González co diácono D. Xosé Benito Outeiro. A partir
de 1997 deixan de enviar o diácono e nomean
un adscrito: D. Atilano Casal. En Xaneiro de 2003 D. Atilano
é trasladado á Parroquia de Santa Eufemia do Centro
e incorpórase D. Carlos Rodríguez Ricla, diácono.
En Outubro de 2003 D. Luis Quinteiro Fiuza, Bispo
da Diocese, renova por seis anos máis
o nomeamento do Equipo de Copárrocos nas
mesmas
condicións que o anterior. No curso 2005-2006 D. Javier Arce é envíado á Parroquia
como Vicario Parroquial en substitución de D. Francisco Pernas, que ese curso vai estudar a Roma. En Setembro de 2007 D. Óscar Martínez Caamaño incorpórase ó equipo parroquial tras rematar os estudos no Seminario. Ordenado diácono en Decembro do mesmo ano, a partir de Febreiro acompaña a parroquia durante a semana e os fins de semana desprázase á zona de Verín para a celebración da Palabra con tres comunidades. En Setembro de 2009 é substituído polo diácono D. Néstor Rodríguez Álvarez, quen se ordena ó finalizar o curso, deixando o seu lugar ó diácono D. Jacobo Curto Polo en Setembro de 2010.
A CASA PARROQUIAL
A actual Casa Parroquial inaugurouse
en 1960 sendo Párroco D. Xesús Pousa. Construída por
Construcións Añel, coa contribución dos veciños e
o Bispado, consta de:
- Soto.
- Baixo: onde se instala o Salón de actos, e unha biblioteca;
posteriormente adicarase a Bar.
- Primeira planta: Salóns parroquiais.
- Segunda planta: Vivenda do Párroco e despacho parroquial,
que en 1990 trala xubilación de D. Xesús, ó quedar
el a vivir na mesma, baixa ós locais da antiga secretaría
no primeiro piso, pasando a compartir o mesmo local as dúas tarefas
de atención ó público.
- Terceira e cuarta con vivendas a Dereita e Esquerda para Coadxutores
e Secretaria. O piso cuarto dereita estivo ocupado por unha familia
da Parroquia durante os anos setenta e oitenta ata 1990.
En 1992 remodélase
o Salón quitando as butacas de madeira e adecuándoo
ás novas necesidades da Parroquia, con cadeiras
plásticas de terraza, plaqueta nova, escenario
e paredes cubertas de cortiza. Así mesmo se previu
a instalación dun equipo de son, que foi
instalado recentemente.
No ano 1994 iníciase un proceso de renovación
da mesma:
- Péchase o bar o 31 de decembro de 1994 coa intención
de baixar os despachos parroquiais.
- Encoméndase a elaboración dun proxecto a D. Luis
Garaizabal.
- Despois de sucesivas correccións e trabas, tanto de
parte dos responsables diocesanos -basicamente polo custo
das mesmas- pero sobre todo dos rexentes municipais, inícianse as obras en Febreiro de
1998, consistentes en:
- Emprazamento de despachos na planta baixa, que se inauguran en Outubro de 1998.
- Modificación do emprazamento do baño
e dun tabique na planta primeira, rematada en Novembro
do 98.
- Baixado de teitos e renovación de elementos estragados
de fontanería e electricidade, así como substitución
total da cuberta (esta realizada en verán de 1998)
En agosto de 2004 cámbianse as galerías de ferro por unhas de aluminio branco, e colócanse xanelas de aluminio en toda a casa, incluíndo os pisos traseiros e o faiado. O importe da obra é de 14.703 €.
CAMIÑO CARA A CORRESPONSABILIDADE
A Parroquia de Santiago foi pioneira en moitos ámbitos da
pastoral entre os que cabe sinalar:
- Busca da igualdade entre todos
os fregueses eliminando parcialmente os aranceis coa creación
da cooperación parroquial e un modelo estándar para
vodas e funerais. Labor iniciada por D. Xesús Pousa a mediados dos anos 60.
- Buscar a colaboración dos leigos
da comunidade en tarefas como a catequese e promoción sobre
todo da Irmandade Obreira de Acción Católica, moi florecente
nos seus primeiros anos e na década dos oitenta-noventa
refuxio da HOAC na diocese. Durante os anos 80
hai que destacar xunto ó apoio de D. Xesús o acompañamento
incansable de Xesús de Ferrol, que todos os Luns do ano
viaxaba a Ourense para acompañar a un grupo de oito militantes,
sen percibir a cambio nada máis que o que a parroquia lle aportaba
voluntariamente. No ano 2008, por razóns basicamente de saúde dos poucos militantes que quedaban, a HOAC disólvese como grupo deixando de existir na Diocese de Ourense.
Na segunda parte da década dos oitenta impúlsanse as
reunións de catequistas e camíñase cara
unha organización que poña en marcha
os mecanismos de corresponsabilidade. Así nos comezos dos 90 (91-92) créase un Preconsello parroquial
que será o xerme do actual Consello de
Pastoral Parroquial, que funciona con estatutos dende o ano
1993. Así como o Equipo de Economía
parroquial, do cal houbo un primeiro tento durante as obras do
92 cunha comisión de seguimento das mesmas. A partir do
ano 96 funciona como unha parte do Consello de Pastoral Parroquial.
O crecemento da poboación fai que a colaboración
dos leigos sexa cada vez máis urxente e teña que ser máis
numerosa. Así crecen os Equipos de catequistas
ata o número duns oitenta, promóvese o Equipo
de Liturxia, Cáritas parroquial,
e téntase dar novo aire ós grupos tradicionais
da Parroquia como son as Conferencias de San
Vicente de Paúl, Visitadoras Parroquiais,
Roupeiro Eucarístico... Ó mesmo
tempo a realidade dunha poboación cada día máis
entrada en anos fai que se promovan os grupos de Vida
Ascendente e de oración,
sobre todo a través da Vela no Templo.
En Outubro do 98 hai un intento de recuperar a Lexión
de María.
Neste final dos 90, preto xa do 2000 se comproba como aparece
no barrio unha poboación flotante que converte unha parte de
San Rosendo, a Avda. de Marín e as zonas novas do barrio en
cidade dormitorio, con xente que traballa na cidade e os fins de semana
desprázase á aldea, así como de estudantes que cambian de
domicilio ano tras ano, dificultando o trato pastoral e
o control da poboación.
Aquí xorden retos á acción pastoral que poñen de relevo
as actuais dificultades:
- ¿Como chegar a esta xente que
pola semana traballa con horarios moi difíciles de compaxinar
co traballo pastoral, e que os Domingos non ten nunca contacto
coa comunidade?
- ¿Como achegarse ós mozos
que ó chegar á idade universitaria marchan a Santiago ou os seus horarios
de estudo afástanos da relación cos grupos parroquiais?
Uns anos de desconexión adoitan implicar a ruptura total.
E as fins de semana son tempos de vida nocturna e durmida diurna.
- Outro dos retos pastorais é a continuidade
das persoas nos grupos. Moitas persoas colaboran de boa
fe, pero ¿cantas fan da súa labor unha opción
por Xesuscristo nesta Igrexa?
- Un reto urxente son as familias mozas:
O contacto con eles é basicamente nos cursiños prebautismais
e primeiras comuñóns. Iso remóvelles un pouco e dá un impulso, pero
despois ó volver ós afáns da vida, vaise apagando pouco a pouco.
- Por último queda o reto das persoas
da terceira idade: Aumenta o número de persoas
solas en casa, e con demencia senil que cada día
requiren un acompañamento espiritual máis
especializado. ¿Como facer se estamos absorbidos
por mil tarefas e ademais é difícil que se abran as súas
portas?
Presencia de outras relixións:
- Na nosa comunidade non hai presenza de templos destes grupos.
Nos anos 95-96 estivo a Igrexa de Filadelfia na Rúa
Xeneral Aranda que reunía ós seus adeptos os Domingos pola tarde
pero na actualidade abandonou o noso territorio parroquial.
- Están realizando unha labor moi activa as Testemuñas de Xehová
e os Mormóns, pero non temos datos da súa incidencia
real, salvo casos concretos de adeptos.
- A inmigración trae crentes doutras relixións pero a súa presenza non é significativa dado que a maioría dos que se sitúan no barrio son de países sudamericanos e de relixión católica, aínda que hai algúns musulmáns procedentes do norte de África e ortodoxos de países do Este.
A VIÑO NOVO PELELLOS NOVOS
Co novo milenio o proceso de secularización faise notar de maneira moi visible na vida da comunidade. O número de católicos que participan na Eucaristía dominical descende (unhas 1.500 persoas asisten cada domingo a Misa na Parroquia), se ben é unha tendencia difícil de cuantificar debido ó masivo éxodo rural que se vive nas fins de semana e ás novas comunicacións que deixan as praias a pouco máis dunha hora en coche. O alonxamento dos mozos faise progresivo e son moi poucos os que despois de confirmados continúan relacionándose coa Parroquia. Os que seguen adoitan abandonala ós 18 anos ó ter que marchar fóra da cidade para realizar os seus estudos universitarios.
Un campo que precisa actualización e en cuia renovación estase traballando é a Iniciación Cristiá. Percíbese unha concepción demasiado escolar da catequese e unha falta de participación na vida parroquial de pais e nenos. A vinculación da catequese á recepción de sacramentos amósase insuficiente para o momento actual. Todo elo nos convida a iniciar un proceso no cal se vaia clarificando progresivamente a identidade cristiá e a dimensión comunitaria da fe. Por iso é necesario seguir potenciando a formación dos axentes de pastoral e de todos os membros da comunidade e coidar con esmero a difusión da vida da Parroquia. Neste campo unha labor importante é o coidado da vida litúrxica e a acción caritativo-social da comunidade. |